CANOSA MARIA
María Canosa (Cee, 1978) é enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, profesión que leva compartindo desde sempre coa de escritora. Hai máis dunha década que é articulista no xornal «La Voz de Galicia» e colaborou en varios programas de debate da Radio Galega e Radio Voz. Desde hai anos desenvolve o papel de «experta en letras» en distintos concursos televisivos de corte cultural, como «Cifras e letras», «Verbas van» ou «Coma un allo». É autora dunha extensa obra narrativa infantil e xuvenil, iniciada con «Bramido maino» e «A pedra de seixo», publicadas en 1997, e continuada por títulos como «O Papaventos de Laura» (2011); «Xiana, a nena pirata» (2012); «Druidas» (2014); «Rubicundo» (Xerais 2015), finalista do Premio Merlín 2014; «O día que choveu do revés» (Xerais 2016); «A cazadora de estrelas» (Xerais 2017), finalista do Premio Merlín 2015 e 2016, «Muriel» (Xerais 2017), Premio Merlín 2017, e «Unha fábrica de bicos» (Xerais 2020), álbum ilustrado por Dani Padrón. Como narradora publicou «Faíscas» (2009), «DisParo» (2016), «Non é París» (2016), «Cando cae a luz» (2016) e «O lado do que dormes» (Xerais 2019). É autora, ademais, do libro de poemas «Ronca o mar» (2011), Premio Avelina Valladares.