CARRO, XAVIER
Xavier Carro (Santiago de Compostela, 1942) estudou Filosofía e Letras en Compostela e licenciouse en Filoloxía Románica en Madrid. Desenvolveu a súa actividade docente en Santiago, a Estrada e Alacante. Deuse a coñecer como escritor en castelán, obtendo diferentes premios de poesía e relato curto, como El dolor de la carne (1960, Minervais) e Las horas y los días (1967, Premio de Novela Corta Salamanca). En 1973 publicou en Editorial Galaxia As calexas do cigurath, libro tan maltratado pola censura como eloxiado pola crítica. En 2014 deu ao prelo Tempo ordinario, que recolle relatos co denominador común dunha Compostela hoxe desaparecida. Ademais, publicou diversos estudos de crítica literaria, como A obra literaria de Eduardo Blanco Amor (Galaxia, 1994).