CASTRO, ROSALIA DE (AUTOR/A)
Rosalía de Castro (1837-1885) é considerada a escritora nacional de Galicia e a publicación de Cantares gallegos (1863) a marca do inicio do denominado Rexurdimento. Filla da fidalguía rural galega, na súa vida considéranse decisivos para a súa formación intelectual o paso polo Liceo de la Juventud en Compostela e a posterior experiencia madrileña. Foi en Madrid onde publicou a súa primeira obra (La Flor, 1857) e onde coñeceu e casou con Manuel Murguía (1858), líder intelectual da súa xeración. A súa vida a partir de aquí coñeceu unha grande itinerancia e unha intensa dedicación á escrita. En prosa e en verso, en galego e castelán, a obra de Rosalía de Castro ocupa un lugar moi relevante nas letras europeas do século XIX. Os seus manifestos feministas (?Lieders? e ?Las literatas?), o seu avanzado pensamento político e social (Follas novas, El caballero de las botas azules) ou a súa decidida posición crítica como intelectual convértena nunha figura literaria que concita sempre un renovado e múltiple interese. Caracterizada por unha persoal retórica e unha orixinal estratexia en que se modernizan os pactos co lector, tanto os do romanticismo coma os do realismo, a padronesa afondou como poucos nalgúns dos conflitos dialécticos da súa época e nas profundidades abisais da subxectividade do eu. Fiel á súa Terra de Iria, a pesar de tanto vagar, pasou os seus últimos anos de vida na Matanza (Padrón) onde compuxo En las orillas del Sar, obra cimeira na súa produción. Enterrada no cemiterio de Adina en Iria, os seus restos foron trasladados a San Domingos de Bonaval, no que hoxe é o Panteón de Galegos Ilustres.