DÁVILA, BERTA
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é narradora e poeta. Por «Raíz da fenda» (Xerais, 2013) obtivo o Premio Johán Carballeira de poesía e posteriormente o Premio da Crítica Española e o da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega na modalidade de poesía. Como narradora é autora, entre outros libros, das novelas «O derradeiro libro de Emma Olsen» (2013), Premio Repsol de Narrativa Breve e Premio da Asociación Galega de Editoras ao mellor libro de ficción «Carrusel» (2019), Premio García Barros e Premio da Crítica Española «Illa Decepción» (2020), Premio Repsol de Narrativa Breve e finalista do Premio da Crítica Galicia e «Os seres queridos» (Xerais, 2022), obra coa que conseguiu o Premio Xerais de Novela 2021, o Premio Follas Novas de Narrativa, 2023 e o Premio da Crítica de Galicia (Creación Literaria), 2023. No ámbito da literatura infantil e xuvenil é autora dos álbums ilustrados «A fuxida» (2014) e «O libro grande dos números pequenos» (Xerais, 2023), do libro de poemas «A pel do mundo» (2017), das novelas infantís «Demetrio Demoscopio perdeu a chispa» (Xerais, 2022) e «O Concurso dos Mellores Inventos (e outros incribles acontecementos)» (Xerais, 2024) e da novela xuvenil «Un elefante na sala de estar» (Xerais, 2022), coa que gañou o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2021.