Pérez Díaz, Lois
Lois Pérez (Lugo, 1979) é mestre e contador de historias, e o centro da súa actividade artística é a narración oral e a escrita. No eido da dramaturxia, gañou en 2008 un dos premios de Teatro Radiofónico da Radio Galega, coa obra " Saltimbanqui " , dirixida e adaptada por Quico Cadaval e interpretada por este canda Xan Cejudo e Xosé Olveira Pico, publicada en libro-cd (Xerais, 2008). En 2013 publicou " LP " , o seu primeiro poemario, editado por Emerxente. Foi colaborador do grupo de teatro Pinchacarneiro, da Fundación Anade para persoas con diversidade funcional e ocasionalmente exerce de cronista do rock and roll para a revista " Ruta 66 " e como locutor radiofónico nocturno para openradio.es. Colabora coa Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e no eido do ensino traballou e coordinou diferentes proxectos de innovación na normalización lingüística do galego na escola, premiados todos eles (2008, 2009, 2010 e 2011) por organismos oficiais e institucións diversas. " Long Play " (2017) é o seu primeiro libro de poemas en Xerais.