PEREZ, LOIS
Lois Pérez (Lugo, 1979) é mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista. No eido da dramaturxia, gañou en 2008 o Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega con «Saltimbanqui» (Xerais, 2008), dirixida e adaptada por Quico Cadaval. Como poeta, publicou «LP» (2013) e «Long Play» (Xerais, 2017), e gañou o Premio aRi[t]mar ao mellor poema editado en Galicia nese ano por «Blues do rei Bergman=B.B. King». Coordina a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e, no eido do ensino público, traballou e promoveu diferentes proxectos de innovación na normalización lingüística do galego na escola, premiados todos eles por organismos oficiais e institucións diversas. Escribe de rock and roll e literatura no suplemento cultural «Táboa Redonda». «A gruta da torre» (Xerais, 2022) gañou o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.